Despois de dous anos sen facer nada máis que andar mareando a perdiz, ralentizando papeleos e botandose as culpas uns ós outros, agora Xunta e Concello andan a codazos nunha carreira a ver quen limpa máis e quen saca as millores fotos para os medios.
Hai uns días era o Partido Popular, a traves de Augas de Galicia, o que anunciaba "traballos de limpeza" no Belelle e no Basteiro, aproveitando para sinalar o límite das súas competencias: "áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal".
A Xunta limpa máis de 3,7 km de dous ríos de Neda
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 3,7 quilómetros de dous ríos no Concello de Neda.
As tarefas xa foron comunicadas ao concello e prolongaranse durante arredor de catro semanas. Máis en concreto, desenvolveranse en máis de 3,1 quilómetros do río Belelle e en 554 metros do río Basteiro, os dous na parroquia de Santa María de Neda.
Os traballos consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos. Realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais. Ademais, o persoal contará co apoio de maquinaria de maiores dimensións, como un tractor.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.
Logo foi o PSOE dende o Concello de Neda o que anunciaba que tamén xa "están limpando" cunha nota de prensa coa pertinente dosis de manipulación e acusacións contra Augas de Galicia:
O Concello inicia os labores de retirada de maleza do río Basteiro entre As Augas e Santa María
O Concello de Neda vén de iniciar os traballos de limpeza entre o lugares das Augas e Santa María. Unha intervención que chega tras a autorización concedida, tras un ano de espera e de continuos trámites, por parte de Augas de Galicia. A actuación cinguirase aos límites que impón o propio organismo da bacía.
Así, segundo consta na resolución, a administración local poderá facer unha “roza de maleza de carácter leñoso e herbácea localizada no leito do regato e nos muros da canle do regato”, así como retirar a vexetación das marxes, “mediante desbrozadora e motoserra e a do fondo do leito mediante retroescavadora”.
Actualmente a gran densidade de vexetación, que xorde do propio fondo do leito, supón un obstáculo ao fluxo das augas pola canle, co conseguinte aumento do risco de desbordamento e inundación na zona.
Recolle ademais o documento que, segundo a proposta remitida polos servizos técnicos municipais, eliminaranse “obstáculos, sedimentos naturais, vexetación morta (árbores e troncos removidos), entullos e lixo”.
A actuación, comprometida polo Concello á veciñanza, busca contribuír, de forma real, a minimizar o risco de inundación no que, fronte á opinión dos servizos técnicos e xurídicos municipais, Augas de Galicia cualifica unilateralmente de “tramo en zona urbana”.
A administración local pedía a autorización para intervir o 12 de novembro do 2024, á vista de que, rematadas as actuacións de “retirada de árbores e biomasa da canle” anunciadas por Augas de Galicia o 1 de agosto dese ano no Belelle e nos 900 metros do Basteiro comprendidos entre a entrada do muíño do Carballo e Santa María (incluídas por tanto as áreas que definen como urbanas), todo ficaba igual nas zonas do río tupidas pola vexetación.
MOVENEDA rexeita a actitude elecoralista de Xunta e Concello
Dende MOVENEDA atopamos absolutamente lamentable e vergoñenta a actitude de duas administracións que antepoñen os intereses electoralistas de PP (Eladio Romero) e PSOE (Ángel Alvariño) ós intereses e a seguridade dos veciños.
En troques de actuar e traballar coordinadamente, sumando medios e esforzos, anda cada un polo seu lado, xogando a ver quen pode sacar máis réditos políticos usando recursos e institucións públicas con fin espúreos e partidistas.
Lamentablemente actúan así porque saben que é unha táctica que funciona.