Os Bombeiros de Ferrol convocan á cidadanía a unha concentración o vindeiro 26 de febreiro, ás 18.00 horas na Praza de Armas, baixo o lema “Todos somos Polo”, en apoio ao compañeiro gravemente ferido no incendio rexistrado esta semana no barrio de Recimil, no que tivo que serlle amputada unha perna.
A convocatoria prodúcese nun contexto de forte solidariedade social e profesional, con múltiples mostras de apoio chegadas desde outros parques de bombeiros, colectivos e veciñanza, así como reivindicacións que reclaman melloras no servizo e máis recursos para garantir a seguridade dos efectivos.
O suceso produciuse mentres o corpo de bombeiros xa se atopaba nun período de protestas pola falla de persoal e medios, unha situación que os profesionais levan tempo denunciando e que volveu poñerse no centro do debate tras este grave accidente.
Ó longo destes días, as redes sociais foron enchéronse de mostras de ánimo de numerosos corpos de bombeiros de diferentes cidades e localidades veciñas, de particulares e das reaccións de grupos políticos e sindicatos que reclaman ao executivo local, encabezado por Rey Varela, unha investigación completa e as medidas oportunas, ademais de desexar unha pronta recuperación ás persoas feridas.
Nas últimas horas xurdiron diversas voces esixinto a asunción de responsabilidades e dimisións. Así, a sección sindical da CIG no Concello de Ferrol solicitaba a intervención da Inspección de Traballo e a súa participación nas pescudas. A CIG esixe a dimisión do alcalde Rey Varela e das concelleiras de Recursos Humanos e Seguridade, Susana Sanjurjo e Pamen Pieltain, ademais da renuncia do coordinador de seguridade e do xefe de Bombeiros.
Pola súa banda, o Comité Comarcal do PCG emitiu un duro comunicado xunto ó PCE(ml) onde acusan ó goberno de Rey Varela de botar anos deteriorando os servizos públicos mediante orzamentos insuficientes, falla de persoal e ausencia de investimentos estruturais. Responsabilizan ó alcalde e o seu equipo da situación de recortes, ataques e decisións neglixentes. Esixen a dimisión inmediata do alcalde pola súa "manifesta incompetencia", pola súa incapacidade para garantir condicións seguras e pola súa "neglixencia política, que roza o criminal cando o resultado é unha amputación, un dano irreversible, de por vida, para un traballador".
A muller do bombeiro ferido grave no incendio de Recimil, en Ferrol, denunciou publicamente a falta de persoal e medios no servizo e acusou ao goberno municipal de “neglixencia política”. Segundo afirma, a intervención realizouse con efectivos insuficientes tras unha noite de múltiples incidencias polo temporal.
A muller rebate a versión municipal sobre a atención prestada e asegura que non precisa políticos que se presenten no hospital "para facer o paripé", senón vontade para solucionar as carencias que o colectivo arrastra desde hai anos.
Denuncia que persoalmente non recibiu chamada ningunha do concello e que a do xefe de bombeiros chegou "nin sequera a tempo", lamentando que este último non considerase oportuno avisala do sucedido na madrugada do xoves.
loita obreita, ferrolterra, comunicados de prensa, Deputación de A Coruña, FEGAMP e outras institucións
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |