Ós veciños que formamos MOVENEDA somos humanos e tamén nos equivocamos. Moito, seguro.
Hai uns días acusamos ó goberno municipal e non facer nada por dotármonos dun punto de recarga para vehículos eléctricos... e metimo-la zoca.
Recoñecemos que si, si temos un punto de recarga. Foi instalado durante os gobernos de Ignacion Cabezón ali ó lado da parada de taxis na Casa das Palmeiras.
Por tanto, temos un e ademais Neda foi pioneira en ter ese tipo de dotacións. E isto foi hai máis de dez anos.
A realidade as veces é fea: Tal dotación nunca tivo uso real. E a día de hoxe, ese punto de recarga non funciona, non ten mantemento, está abandonado e mesmo está vandalizado.
Unha triste imaxe, un triste exemplo do que podemos ser e do que realmente somos. Podemos ser un concello moderno ou podemos camiñar pouco a pouco cara atrás, arrastrados pola desidia e a indolencia.
En MOVENEDA preocúpanos moito a absoluta falta de iniciativa do goberno municipal a respecto de dotarse de novas infraestruturas e servizos básicos para a veciñanza.
Preguntámonos cales son as razóns polas que, nos últimos tres anos, ninguén lembra unha soa nova dotación ou infraestrutura de interese e utilidade pública.
Neda perde oportunidades día a día, perde recursos e tempo, mentres outros concellos avanzan e melloran os seus servizos.
ecoloxía e medio ambente, servizos municipais
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |