O pleno do Concello de Arteixo aprobou por unanimidade reclamar medidas urxentes para garantir o funcionamento digno do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ante a grave situación que atravesa este servizo esencial.
A corporación municipal coincidiu na necesidade de esixir solucións que permitan garantir tanto a atención ás persoas dependentes como unhas condicións laborais dignas para as traballadoras, nun contexto marcado pola falta de persoal, a desorganización e a precariedade estrutural.
Esta situación non é un caso illado. Nos últimos meses, traballadoras do SAF en distintos concellos galegos levan denunciando a falta de planificación, a sobrecarga laboral e a ausencia de substitucións, factores que poñen en risco tanto a súa saúde como a calidade da atención prestada ás persoas usuarias.
O acordo unánime en Arteixo pon de manifesto unha realidade que MOVENEDA denuncia reiteradamente: En Neda, as traballadoras do SAF sofren tamén condicións laborais precarias, contratos inestables, sobrecarga de traballo e unha organización deficiente do servizo, consecuencia directa dun modelo baseado na privatización a costa da calidade do servizo e dos dereitos laborais.
Tal e como temos advertido, este problema ten unha raíz estrutural: a insuficiente financiación do SAF por parte da Xunta e Goberno Central. Tamén influe profundamente o modelo privatizado que permite ás empresas concesionarias gañar beneficios indecentes mentres precarizan ás traballadoras e deterioran a atención ás persoas dependentes. Esta realidade está a provocar un deterioro progresivo dun servizo esencial, sostido fundamentalmente polo esforzo e o compromiso dun colectivo laboral maioritariamente feminino e invisibilizado.
O caso de Arteixo confirma que a precariedade, explotación e irresponsabilidade política que sofrimos Neda non é unha excepción, senón parte dun problema xeralizado en toda Galicia. A unanimidade política en Arteixo concello evidencia que a situación é insostible e require medidas inmediatas, incluíndo un financiamento adecuado, a garantía de condicións laborais dignas e unha xestión publica orientada ao interese dos veciños e non ao beneficio privado dos ricos.
Desde MOVENEDA reiteramos o noso compromiso coa defensa das traballadoras do SAF e dos usuarios, e esiximos ao goberno de Neda que deixe de mirar cara outro lado e actúe con responsabilidade para garantir un servizo digno, público e de calidade, empezando por non cometer o mesmo erro de volver privatizar o servizo: en Neda é absolutamente necesario remunicipalizar o SAF.
feminismo e igualdade, loita obreita, xunta de galicia, comunicados de prensa, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |