A democracia gaña: derrota xudicial definitiva dos que tentaron blindar a simboloxía fascista en Neda. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirma o que a veciñanza de Neda xa sabíamos dende hai tempo: triunfa a memoria democrática, non o franquismo.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de desestimar o recurso interposto contra a retirada da "Cruz dos Caídos" de Neda, poñendo punto final, de forma contundente e inapelable, á ofensiva xudicial contra a memoria democrática no noso concello. Esta non é unha resolución técnica menor. Confirma que o Concello de Neda actuou correctamente, con autoridade democrática e dentro da legalidade ao retirar os símbolos franquistas.
Quen tentou usar a xustiza como escudo a prol do franquismo perdeu, en todas as instancias. Xa na Asemblea Aberta de MOVENEDA do 29 de outubro de 2025 xa informamos á veciñanza de que os xulgados tiñan desestimado totalmente as denuncias presentadas. A resolución do TSXG é unha confirmación definitiva e de rango superior: a democracia ten a última palabra.
A historia da retirada da simboloxía franquista en Neda é a historia dunha batalla xusta contra a obstrución sistemática. Cando MOVENEDA presentou a súa Moción de Memoria Histórica no pleno do 21 de xullo de 2016 e esta foi aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais, semellaba que o camiño estaba allanado.
O Concello de Neda comprometíase a cumprir a Lei de Memoria Histórica, a retirar os símbolos de exaltación do franquismo e a dar pasos para pechar a ferida que a democracia española nunca debeu ter deixado aberta tanto tempo.
Pero non foi así de sinxelo. Porque houbo quen decidiu que a nostalxia do réxime merecía ser defendida nos xulgados. A organización Abogados Cristianos, coñecida en toda España pola súa traxectoria de denuncias e recursos encamiñados a obstaculizar dereitos civís, a memoria democrática e calquera expresión de pluralismo democrático, puxo o seu foco tamén en Neda. A nostalxia fascista tentou paralizar xudicialmente a retirada da "Cruz dos Caídos". Non era un afán xurídico lexítimo; era un intento de usar os tribunais como instrumento para perpetuar o que a democracia mandaba retirar.
Esa estratexia non é exclusiva de Neda. Abogados Cristianos leva anos acumulando derrotas xudiciais en Galicia e en todo o Estado: en Santiago, na Coruña, en Vilagarcía... e agora en Neda. Os tribunais, un tras outro, rexeitan os seus recursos, déstimannos, e en moitos casos condénanos ao pago de costas. O patrón repítese: denuncia, recurso, aparencia de conflito xurídico onde non o hai, e derrota. Porque a lei é clara, a democracia é clara, e a xustiza —cando funciona— acaba sendo clara tamén.
Dende MOVENEDA celebramos o que isto significa: que Neda é un pouco máis libre, un pouco máis digna, un pouco máis fiel á memoria das persoas que sufriron a represión franquista e que nunca mereceron ver perpetuados os símbolos dos seus verdugos no espazo público do seu propio pobo.
Esta victoria é de toda a veciñanza de Neda. É dos que, durante anos, pediron con razón e con paciencia, que se cumprise a lei. É dos que aguantaron que este proceso fose incomprensiblemente demorado, dificultado con manobras infames e xudicializado por quen nunca tivo máis argumentos que a nostalxia do fascismo.
É o momento da serenidade que dá saber que, ao final, a democracia gaña. Sempre gaña. Neda segue adiante e MOVENEDA continuará traballando para que o noso concello sexa un lugar onde a memoria democrática sexa respectada, onde a lei se cumpra e onde a veciñanza poida camiñar polas súas rúas e prazas sen atopar pedra nin placa que exalte a quen negou a liberdade e a vida a tantas persoas.
O capítulo xudicial está pechado. O capítulo da memoria, da dignidade e da democracia en Neda segue aberto.
memoria histórica, comunicados de prensa, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |