Galicia converteuse na autonomía que menos recicla en España debido ao fracaso do modelo de xestión de residuos impulsado polo Partido Popular.
SOGAMA provoca un aumento das tarifas para os concellos e, en última instancia, para os cidadáns.Segundo os datos citados por Praza Pública, a subida das tarifas débese en parte ao novo imposto en aplicación da Directiva Europea 2018/851 e da Lei estatal 7/2022. Esta taxa grava precisamente as prácticas máis contaminantes, como as que impulsa o modelo SOGAMA: incineración e vertedoiro. A Xunta de Galicia xestiona a recadación dese tributo procedente da incineración dos residuos, e en 2023 o importe recadado alcanzou 10,8 millóns de euros.
O modelo SOGAMA baséase nunha sociedade público-privada (a Xunta ten o 51% e Naturgy o 49%), aposta fortemente pola incineración, polo que unha parte moi importante dos refugallos non se reciclan.
Segundo datos de 2022, Sogama incinerou o 60% do lixo que recibiu e enviou un 20% ao vertedoiro. No conxunto de Galicia, iso traduciuse nunha porcentaxe de reciclaxe, recuperación e compostaxe unicamente do 24%, moi por baixo da media española, que supera o 40%. Uns datos que sinalan o fracaso do modelo.
Se isto non fose dabondo, a recollida separada en Galicia tamén está en niveis baixísimos: só o 18,6% do lixo recóllese de forma selectiva, lonxe da media estatal.
Ademais, nos últimos anos a mellora foi moi lenta: entre 2019 e 2022, a reciclaxe e compostaxe en Galicia só aumentou tres puntos, fronte a un avance máis notable en outras comunidades.
Dende Galicia Praza confrontan os datos da planta de Nostián (na Coruña), que presenta mellores resultados: alí non se incinera, e os índices de recuperación son moito máis altos que nos complexos de SOGAMA, o que evidencia que existen modelos alternativos máis eficientes e baratos para os cidadáns
En síntese, o modelo de SOGAM provoca un círculo nocivo: ao priorizar a incineración e non fomentar suficientemente a reciclaxe, o custo real do tratamento de residuos resulta moi alto, especialmente co imposto sobre as prácticas contaminantes, e ese custo repercute nos recibos dos cidadáns.
Galicia sitúase no furgón de cola dos obxectivos ambientais, con taxas de reciclaxe moi inferiores ás esixidas pola Unión Europea, e con unha dependencia elevada de métodos pouco sostibles e moi contaminantes como a queima ou os vertedoiros. Unha aposta que sae dobremente cara, económica e ambientalmente.
ecoloxía e medio ambente, galicia, xunta de galicia
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |