Desde o pleno de marzo de 2026, o goberno de Ángel Alvariño introduciu unha práctica que ata agora non existía: reter a publicación do vídeo do pleno ata a celebración do seguinte pleno.
O resultado é grave: durante case dous meses, nin veciños nin os seus representantes políticos poden revisar o que realmente se dixo e se decidiu na sesión. Non é un detalle técnico. É unha decisión política, e ten un obxectivo claro: que a xente saiba o menos posible do que fai o seu goberno.
Ata marzo, os vídeos dos plenos publicábanse o mesmo día ou o día seguinte á sesión, como fan case todos os concellos da contorna e como faría calquera que entenda a transparencia como un dereito e non como unha molestia. Agora, ese prazo esténdese artificialmente a dous meses. Nese período, calquera veciño que quixese comprobar unha intervención, calquera concelleiro da oposición que necesitase contrastar unha resposta do goberno, calquera xornalista ou colectivo que quixese fiscalizar a acción municipal, atópase cun muro: o vídeo simplemente non está dispoñible.
Dous meses é tempo abondo para que un asunto perda actualidade, para que unha promesa incumprida quede esquecida, para que as habituais respostas evasivas do alcalde no pleno non poidan ser contrastadas a tempo cos feitos posteriores. Retelo o vídeo non protexe ningún dereito: ao contrario, os emaga e dificulta o control democrático da acción de goberno.
O goberno de Alvariño ampárase, para xustificar este atraso, na normativa que obriga a que a acta e a documentación do pleno estean á disposición dos concelleiros cun mínimo de corenta e oito horas de antelación. Este prazo existe, e o que recolle a ley Reguladora das Bases do Réxime Local (LRBRL), e o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais nos seus artigos referidos á convocatoria e á posta a disposición da documentación dos concelleiros.
Pero hai que dicilo con claridade: ese prazo regula a información que debe chegar aos concelleiros antes de cada pleno, para que poidan preparar a sesión seguinte. Non ten nada que ver coa publicación posterior dun vídeo dunha sesión xa celebrada. Confundir unha cousa coa outra —ou facer ver que se confunden— é manipular a norma.
Ademais, hai un argumento decisivo que o propio goberno prefire non mencionar: o vídeo dun pleno é un rexistro dixital que, unha vez gravado, non precisa ningunha acción administrativa posterior. Non hai que aprobalo, non hai que corrixilo, non hai que someterlo a ningún trámite: é o que é, tal e como quedou gravado. Ao contrario que a acta escrita —que si require redacción, revisión e aprobación no pleno seguinte—, o vídeo é un documento pechado desde o minuto en que remata a sesión. Non existe, polo tanto, ningunha razón técnica nin xurídica que xustifique agardar dous meses para publicalo, so mala fe política.
Pola contra, a Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, establece no seu artigo 5 a obriga das administracións públicas de publicar de forma periódica e actualizada a información relevante para garantir a transparencia da súa actividade. E o artigo 69 da propia LRBRL é aínda máis explícito cando sinala que as corporacións locais deben facilitar a información máis ampla posible sobre a súa actividade e favorecer a participación de todos os veciños na vida local. Reter durante dous meses o único rexistro audiovisual dispoñible dun pleno vai exactamente na dirección contraria a estes mandatos legais.
Desde o Movemento Veciñal Neda esiximos que os vídeos dos plenos volvan publicarse o mesmo día da sesión ou, como máximo, ao día seguinte, tal e como se facía ata marzo de 2026 e como corresponde a calquera concello que entenda a transparencia como unha obriga e non como unha concesión graciosa.
Retelos non ten xustificación legal nin técnica. Ten unha soa explicación política: dificultar o control democrático dun goberno que prefire actuar sen que ninguén poida revisar, a tempo, o que fai.
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |