A concelleira e portavoz de MOVENEDA repasou en Radio Ferrol (Cadena SER), nunha entrevista con Raúl Salgado, os principais asuntos que hoxe preocupan á veciñanza de Neda. Máis alá do diagnóstico, a intervención serviu para poñer riba da mesa un feixe de propostas concretas.
A auga: previsión, mantemento e investimento
Neiva Tristão recoñeceu que a escaseza afecta a moitos concellos e que o cambio climático está a alongar os períodos secos, pero lembrou que os seus efectos en Neda poderían terse reducido cunha rede mellor mantida e cunha planificación anticipada.
As medidas que defende MOVENEDA son claras:
- Atallar as fugas da rede de abastecemento, un dos problemas de fondo.
- Licitar e poñer en funcionamento canto antes o segundo depósito de Os Pasos.
- Sectorizar a rede para localizar e controlar as perdas.
- Executar as actuacións previstas sobre as bombas.
- Reclamarlle á Xunta o financiamento necesario para acometer estas melloras.
- Reducir a dependencia dos reforzos externos procedentes das Forcadas, Narón ou Fene.
Durante os días máis críticos, MOVENEDA trasladara ademais dúas propostas inmediatas: instalar un depósito e habilitar duchas no pavillón municipal, para que as veciñas e veciños puidesen ducharse cando os cortes ou a falta de presión impedían que funcionasen os quentadores; e que o camión cisterna non quedase limitado a unha soa zona, senón que puidese desprazarse ás distintas partes do municipio afectadas.
A pasarela do Belelle, 27 meses despois
Instalada en 2014 e derrubada en 2024, a pasarela leva xa 27 meses pendente de reposición. Neiva vinculou a caída coa falta do mantemento necesario e matizou o anuncio do alcalde de que estará rematada "en seis semanas": ese prazo correspondería só á execución da obra, que antes hai que licitar. O tempo real, polo tanto, será maior.
Orzamentos: as achegas da oposición seguen sen contar
MOVENEDA presentou achegas aos orzamentos municipais e ningunha saíu adiante. Como exemplo, Neiva citou a proposta para modificar os baremos das axudas para libros e material escolar: nun primeiro momento trasladóuselles que se aceptaría, pero finalmente a modificación non se materializou. "Non contan cos da oposición para nada", resumiu.
2027: unha decisión que tomará a veciñanza
Preguntada polas eleccións municipais de maio de 2027, Neiva lembrou que MOVENEDA é unha agrupación veciñal e non un partido político, e que a súa continuidade dependerá das propias veciñas e veciños. A decisión tomarase colectivamente nunha asemblea a principios de 2027, valorando os dez anos de traballo do movemento e, moi especialmente, a súa labor de control do goberno municipal.
Un peche en positivo: bonificación para os vehículos menos contaminantes
A entrevista rematou coa última iniciativa presentada por MOVENEDA: unha moción para establecer unha bonificación no imposto de circulación destinada a quen emprega vehículos menos contaminantes, en particular as persoas que xa mercaron ou teñen previsto mercar un vehículo eléctrico. A proposta segue o exemplo doutros concellos e Neiva confía en que poida saír adiante co apoio de todos os grupos políticos da corporación.
A entrevista
Podes escoitar a entrevista eiquí
