Tras as detencións pola serie de roubos no municipio, lembramos que, xa en marzo, propuxemolle ó goberno de Alvariño que convocase á Xunta Local de Seguridade, para reforzar a seguridade da veciñanza de Neda e das súas propiedades, lanzando tamén unha campaña informativa de prevenciónA detención de dous presuntos autores de varios roubos e furtos rexistrados en Neda, e a recuperación da maior parte dos obxectos sustraídos, é unha boa noticia para a veciñanza. MOVENEDA valora positivamente o traballo da Garda Civil do posto de Fene nesta investigación, relacionada coa subtracción nocturna de ferramentas e maquinaria de xardinaría en vivendas e co roubo de cableado do alumeado público.
Estes feitos, veñen de lonxe, e moitos veciños e veciñas levan meses vivíndoos con preocupación.
O pasado 13 de marzo, despois de recibir numerosas queixas de veciños e veciñas por accesos a propiedades privadas e roubos de ferramentas e equipos, MOVENEDA pensamos que era o momento de pasar da reacción á prevención. Nesta liña lle propuxemos POR ESCRITO ao alcalde convocar a Xunta Local de Seguridade, o órgano que preside a alcaldía e no que participan as forzas e corpos de seguridade con presenza no municipio, para coordinar actuacións e adoptar medidas con axilidade. Nin se dignou a respostar.
Naquela proposta pediamos tamén reforzar a presenza e a vixilancia policial na zona das Augas e nas demais áreas con incidencias, e poñer en marcha unha campaña municipal de información, a través da radio, a prensa, as redes do Concello, con consellos básicos de autoprotección, os teléfonos de contacto da Policía Local e do posto da Garda Civil e indicacións claras sobre como presentar unha denuncia.
Ainda que non se nos fixera caso, volvemos insistir nesta mesma liña con motivo dos actos vandálicos no parque infantil, porque a prevención é sempre o mellor investimento.
A Xunta Local de Seguridade de Neda segue sen convocarse. Desde MOVENEDA propoñemos solucións. Por iso animamos o goberno local a convocala canto antes para consolidar unha estratexia de prevención estable, e ofrecemos a nosa colaboración para facelo posible.
Tamén queremos lembrar á veciñanza a importancia de denunciar sempre calquera roubo ou movemento sospeitoso. A información que achegan os veciños e veciñas é fundamental para esclarecer estes feitos. A Garda Civil atende no 062 e as emerxencias no 112.
moveneda, comunicados de prensa, concello de Neda, Deputación de A Coruña, FEGAMP e outras institucións
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |