Despois de case dez anos solicitando sen éxito acceso á mesma, o goberno do Concello de Neda por fin entregou á MOVENEDA a documentación referida ao proceso de privatización do servizo municipal de abastecemento de auga, que foi adxudicado inicialmente en 1993 a AQUAGEST, posteriormente VIAQUA e actualmente VEOLIA.
Durante este tempo, MOVENEDA reclamou de maneira insistente poder acceder ó contrato e ó resto da documentación da concesión, co obxectivo de coñecer con exactitude cales son as obrigas e responsabilidades da empresa concesionaria.
Foi por isto que MOVENEDA denunciou o asunto várias veces á Valedora do Pobo e da que obtivemos respaldo ás nosas demandas:
RECOMENDACIÓN DIRIXIDA AO SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE NEDA (A CORUÑA), PARA GARANTIR O CUMPRIMENTO DO ARTIGO 77 DA LEI 7/1985, DE 2 DE ABRIL, REGULADORA DAS BASES DE RÉXIME LOCAL, SOBRE O ACCESO Á INFORMACIÓN E DOCUMENTACIÓN MUNICIPAIS.
Como podedes ver, a recomendacion da Valedora é do ano 2017. Lamentablemente o alcalde Ángel Alvariño, continuou a desobedecer as várias resolucións da Valedora e agochando a documentación. Ata hai unhas semanas.
Consideramos que o acceso á información é un dereito da veciñanza e unha condición indispensable para garantir a transparencia na xestión dos servizos públicos.
Dende MOVENEDA imos revisar en profundidade se tanto por parte da a empresa concesionaria, como por parte do Concello, se están a asumir e cumprir as condicións fixadas no contrato. Isto é cuestión de enorme relevancia que pode chegar a afectar ás arcas municipais, ó servizo en sí e ó conxunto da cidadanía. Nestes momentos, MOVENEDA xa iniciou un proceso de análise legal detallada do alcance e das implicacións da documentación recibida.
Desde MOVENEDA comprometémonos a informar á veciñanza de maneira clara e transparente sobre as nosas conclusións nas vindeiras datas. Seguiremos traballando na defensa do interese público, da transparencia e dunha xestión xusta, responsable e democrática dos servizos municipais.
moveneda, concello de Neda, servizos municipais, Valedora do Pobo
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |