
O programa Aloumiños é unha iniciativa de acompañamento social, emocional e comunitario dirixida principalmente a persoas maiores, co obxectivo de combater a soidade non desexada, mellorar o benestar psicolóxico e fortalecer as redes de apoio e convivencia nos concellos. A través de almorzos compartidos, actividades grupais e espazos de encontro, o programa promove relacións sociais estables, hábitos saudables e unha mellor calidade de vida.
Este programa desenvolveuse no Concello de Neda e noutros concellos da contorna con resultados moi positivos, tal e como recolleron diversos medios de comunicación e institucións. As persoas participantes destacaron a mellora do seu estado anímico, a redución da sensación de illamento e a creación de vínculos sociais duradeiros. Trátase, polo tanto, dun programa contrastado, eficaz e altamente valorado pola veciñanza.
Desde MOVENEDA queremos lembrar que este tipo de programas de apoio psicolóxico e social só acadan o seu máximo éxito cando teñen continuidade no tempo. As intervencións puntuais teñen un efecto limitado, mentres que a estabilidade e a permanencia permiten consolidar relacións, detectar situacións de risco e xerar verdadeiras comunidades de coidado.
A pesar dos bos resultados acadados, a Xunta de Galicia incomprensiblemente decidiu non dar continuidade ao programa. Porén, hai concellos que asumiron a responsabilidade pola súa conta, como é o caso de San Sadurniño, que decidiu manter o programa Aloumiños con recursos propios, demostrando compromiso social, sensibilidade institucional e vontade política para coidar da súa veciñanza.
Durante a pasada rolda de Comisións Informativas de Área, MOVENEDA xa solicitou formalmente á Concelleira de Servizos Sociais Margarita Díaz Sanz, a continuidade do programa, recibindo como resposta que “o iban mirar” e que "é un tema da Xunta", sen asumir ningún compromiso concreto nin prazos definidos.
Podedes ver o informe do falado nas Comisións de Área de decembro facendo click eiquí.
En MOVENEDA pensamos que se un concello como San Sadurniño ten capacidade para dar continuidade ó programa, o de Neda tamén deberia ser capaz. Por iso pedimos ó goberno municipal que, coa máxima urxencia, xestione e asuma a continuidade do programa Aloumiños, ben sexa mediante recursos propios ou a través das fórmulas de colaboración necesarias.
A loita contra a soidade non desexada e o coidado da saúde emocional das persoas maiores non poden quedar en promesas vagas nin en espera indefinida: merece o máximo esforzo. Aloumiños demostrou que funciona. Agora é responsabilidade do Concello actuar.
moveneda, xunta de galicia, comunicados de prensa, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |