Desde MOVENEDA queremos trasladar publicamente o noso apoio total ás nais e pais do alumnado que o próximo curso 2026/2027 cursará 2º de Educación Primaria no CEIP de Maciñeira e chamamos á veciñanza de Neda a mostrar a súa solidariedade con esta reivindicación o vindeiro mércores 10 de xuño
Segundo denuncian as familias afectadas, a aula contará cun total de 29 prazas ponderadas, unha cifra excesiva para garantir unha atención educativa adecuada, especialmente cando é fundamental atender á diversidade do alumnado e asegurar unhas condicións óptimas para a aprendizaxe e o desenvolvemento dos nenos e nenas.
As familias solicitaron formalmente á Inspección Educativa o desdobre da aula, unha medida que permitiría reducir a masificación e mellorar a calidade educativa. Lamentablemente a resposta da administración está a caracterizarse por continuas demoras que prolongan a incerteza e impiden coñecer cal será finalmente a situación do centro o próximo curso.
Desde MOVENEDA consideramos que a educación pública de calidade debe ser prioridade para calquera administración. Os centros educativos non poden verse obrigados a asumir ratios excesivas que dificulten o traballo do profesorado e limiten a atención individualizada que merece cada alumno e alumna.
Por este motivo, asumimos como propias as reivindicacións formuladas polas familias do CEIP de Maciñeira e esiximos á Consellería de Educación que adopte con carácter urxente as medidas necesarias para autorizar o desdobre solicitado, garantindo así unhas condicións educativas acordes coas necesidades reais do alumnado.
Ademais, MOVENEDA solicitará de maneira inmediata a convocatoria dunha reunión urxente da Xunta de Portavoces dos grupos políticos con representación no Concello de Neda, co obxectivo de analizar esta situación e procurar unha resposta institucional unitaria en defensa dos intereses da comunidade educativa.
Entendemos que, máis alá das diferenzas políticas, a educación dos nosos nenos e nenas debe ser unha causa común, polo que consideramos fundamental que o Concello, como institución que representa ao conxunto da veciñanza, traslade unha posición firme e consensuada ante a Consellería de Educación para reclamar unha solución rápida e satisfactoria.
Animamos ao conxunto da veciñanza de Neda a mostrar a súa solidariedade con esta reivindicación, que transcende ás familias directamente afectadas e atinxe ao conxunto da comunidade educativa e ao futuro da educación pública no noso concello.
MOVENEDA estará ao lado das nais e pais nesta defensa lexítima dos dereitos dos seus fillos e fillas, e apoia a concentración convocada para o vindeiro 10 de xuño ás 13:40 horas no CEIP de Maciñeira.
cultura, xunta de galicia, comunicados de prensa, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |