Este domingo 30 de novembro de 2025, unha mobilización histórica atravesou as rúas de Ferrol, coa presenza de veciños e veciñas da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, para reclamar un “tren digno”.
Segundo as organizacións convocantes, entre 20.000 e 30.000 persoas participaron no acto; a Policía Local estimou a cifra en 10.000. A marcha, promovida por Foro Cidadán polo Ferrocarril, partiu ás 12:00 da mañá dende a estación de tren de Ferrol e concluíu na praza da Armas, onde se leu un manifesto reivindicativo.
As demandas expostas no manifesto son claras e compartidas pola cidadanía: un servizo ferroviario actualizado, conexións modernas con altas frecuencias, restitución de enlaces directos (por exemplo con Madrid), melloras nas infraestruturas e unha rexeite inequívoco á “discriminación” histórica da comarca no reparto dos (escasos) investimentos ferroviarios que asignaron os distintos gobernos do Estado.
A mobilización, con forte participación transversal: familias, mocidade, persoas maiores, colectivos sociais, sindicatos, empresas, entidades deportivas e administracións locais, representa un punto de inflexión. Moi especialmente porque, conscientes de que a situación actual compromete o futuro demográfico e económico da zona, veciños e veciñas saíron á rúa unidos, deixando claro que non van aceptar máis abandono no transporte.
Para MOVENEDA, como movemento veciñal que tamén defende un ferrocarril público, eficiente e adaptado ás necesidades da nosa comarca, esta manifestación supón un éxito rotundo: unha mostra da forza colectiva e da vontade popular por recuperar o dereito a mobilidade digna.
Esta manifestación non é un punto final, é o impulso definitivo para esixir, aínda con máis forza, que as Administracións se comprometan de xeito firme, para traballar e colaborar abandonando o seu habitual partidismo e o electoralismo, para fixar con prazos claros e con participación social a definición das infraestruturas e dos servizos que a bisbarra de Ferrolterra necesita e esixe
moveneda, ferrolterra, xunta de galicia, comunicados de prensa
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |