O goberno de Ángel Alvariño volve demostrar o pouco respecto que lle ten á transparencia e ao dereito da veciñanza a estar informada. O pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, tardou preto de dous meses en estar dispoñible para a súa consulta pública. Un atraso absolutamente inxustificable.
O feito resulta especialmente grave porque tratáronse cuestións de enorme relevancia política e democrática para o municipio. Entre elas, o polémico Regulamento de Redes Sociais impulsado polo goberno local, unha proposta que xerou un intenso debate, posto que a toda a posicion o rexeita.
Mentres noutras administracións se aposta por facilitar o acceso inmediato ás gravacións institucionais, en Neda asistimos a unha dinámica preocupante: dificultar o acceso á información pública e reducir a capacidade da cidadanía para seguir a actividade municipal en tempo real.
A transparencia non consiste en emitir o pleno en directo. Transparencia tamén é garantir que o contido permaneza accesible, publicado en tempo e forma, e sen obstáculos para a súa consulta posterior. Máis aínda cando se producen debates especialmente tensos ou cuestións sensibles para a opinión pública.
Desde MOVENEDA consideramos inaceptable este atraso de case dous meses. A sensación que transmite o goberno municipal é a dun executivo máis preocupado por controlar o relato que por fomentar unha administración aberta e transparente.
O debate sobre o Regulamento de Redes Sociais deixa as claras algo que cada vez resulta máis evidente: o goberno de Alvariño ten unha relación incómoda coa crítica pública e coa liberdade de expresión da veciñanza nas redes e nos espazos de participación cidadá.
A isto súmanse outros feitos acontecidos durante aquel pleno que merecen ser coñecidos e valorados pola cidadanía. Precisamente por iso resulta aínda máis preocupante que a gravación permanecese ocultada durante semanas.
Nun momento no que as ferramentas dixitais deberían servir para achegar a institución á veciñanza, o Concello de Neda segue instalado na opacidade, na improvisación e na falta de respecto polos mínimos estándares democráticos.
MOVENEDA seguirá reclamando transparencia real, acceso á información pública e unha administración moderna ao servizo da cidadanía, e non dun goberno agotado que cada vez transmite máis sensación de peche, control e desconexión coa realidade do municipio.
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |