Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico.

A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos.

Ao usar esta páxina web, vostede acepta os Termos Legais de Uso, a Política de Privacidade e de Cookies tal e como se describen neses documentos.

O concello para a veciñanza!

DECLARACION - DOUS ANOS SEGUIDOS SEN AUGA: O QUE O ALCALDE NON QUERE QUE SAIBAS

Visitas: 221

Comunicado de MOVENEDA ante o segundo verán con graves incidencias no subministro de auga. Os veciños temos que soportar as consecuencias dun goberno que lle bota as culpas a todo menos a súa neglixencia.

Este ano a culpa e de MEGASA.

Entre o 9 e 13 de agosto, Neda quedou sen auga. Outra vez. Sen aviso. Os veciños tivemos que ir a encher garrafas, como hai un século. Ante a grave situación, que se repite outro ano máis, MOVENEDA solicitou unha reunión da Xunta de Portavoces, para que alcalde e técnicos de VEOLIA explicasen ós representantes dos veciños qué pasou esta vez.

A VERSIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL

Segundo contou Alvariño na reunión, e despois na prensa, o problema desta vez foi que, coa seca do Belelle, Neda pasou a depender case en exclusiva dun trasvase que chega dende As Forcadas por Narón. O domingo 9, a aportación baixou de 70 a só 20m³ diarios. A causa, di, foi que MEGASA estaba a consumir 90m³ diarios.

En resume, que a culpa foi de MEGASA.

ESTAMOS FARTOS DE EXCUSAS BARATAS

Botarlle a culpa a MEGASA é un pretexto indefendible. O alcalde non explica as razóns polas levamos xa dous veráns seguidos sen subministro durante días enteiros. É certo que o Belelle quedou sen auga e que para alimentar o sistema houbo que coller auga dende Narón. Este aporte é insuficiente porque non é a fonte principal de auga a Neda, só un apoio.

O problema é que o sistema de auga de Neda non está preparado para aguantar secas nin avarías.

  • En agosto de 2025, o corte foi por rotura na condución do Belelle á ETAP de Os Pazos, con catro fugas detectadas.

  • En 2026, foi a seca do Belelle e que a alternativa dende Forcadas a través de Narón é insuficiente e unha chapuzada.

Dous anos, dúas causas distintas, un mesmo resultado: Neda sen auga. Iso non é mala sorte, é un sistema sen marxe, sen reserva, sen planificación e sen alternativas, onde calquera incidencia tira todo abaixo.

A “seca” deste verán tamén afecta a Narón, Fene e Ferrol, e ahi non teñen cortes de auga. Que ten Neda de especial? Quedamos sen auga por culpa dunha xestión neglixente; por una acumulación de falta de mantemento e nula planificación e previsión durante máis dunha década.

Sabían que isto podía ocorrer. En 2020, a concesionaria (daquela VIAQUA) presentou a alcaldía un documento con propostas de mellora para reforzar a captación de auga en Neda. Avisaban que isto podía pasar. Seis anos despois, ningunha das melloras propostas está executada. Os gobernos de Alvariño non teñen proxecto a 5, 10 ou 15 anos vista: Non planifican, non hai traballo previo, non son capaces de poñer a vista no futuro.

MOVENEDA leva anos reclamando reforzar a rede de auga de Neda, en especial a captación. O único que obtivemos e desprezo, silencio e obstrución por parte do alcalde.

Obstrución, por exemplo na ocultación durante case 10 anos do contrato de concesión do servizo da auga. Non coñecer as condicións da concesión impide que os veciños poidamos defender os nosos dereitos. Entón, para quen traballa o alcalde?

Ata este punto chegan as manobras, estas son as causas, polas que temos que carretar garrafas.

AS PREGUNTAS QUE ALVARIÑO TEN QUE RESPONDER

Hai preguntas que o goberno municipal non quere responder. O alcalde debe dar respostas nunha asemblea veciñal. Unha nota no Facebook non serve, debe da-la cara e explicarse ante os veciños.

  • ¿Por que a rede de Neda non ten sensores de alerta mínima nos depósitos que permitan planificar o consumos en vez de deixar á xente sen auga por sorpresa?

  • ¿Por que non está constituída e se reúne con regularidade a Comisión de Seguimento e Control do servizo que o propio contrato da auga obriga a crear?

  • ¿Está activo o Fondo de Renovación de instalacións previsto no contrato? Que saldo ten e que obras financiou? Se non é así, por que?

  • ¿Por que a obra do segundo depósito de Os Pazos, aprobada en pleno en novembro de 2025, segue nove meses despois "en fase de licitación"? ¿Quen está frear as licitacións?

  • ¿Da memoria técnica de VIAQUA 2020, que medidas se executaron e cales non? Por que?

  • ¿Solicitou o Concello a declaración de "episodio de seca" na Xunta para poder acollerse ao réxime de contratación de emerxencia previsto na Lei 9/2019, que permitiría acelerar os prazos ordinarios de licitación? Se non o fixo en 2025, pensa facelo antes de que remate 2026?

  • ¿Por que este ano non convoca xa unha reunión coa veciñanza como fixo en 2025, cando a situación de 2026 é aínda máis grave?

QUÉ PROPÓN MOVENEDA?

Medidas inmediatas, ante calquera crise futura:

  • En caso de corte de auga, hai que ter un sistema porta a porta proactivo, coordinando SAF, Servizos Sociais, Policía Local e Protección Civil, para atender a persoas maiores, con mobilidade reducida ou dependencia, sen que teñan que chamar elas primeiro.

  • Descentralizar os camións cisterna: non só en Albarón, tamén no Roxal, Casadelos, o Puntal e outros lugares. Non todo o mundo ten coche para carretar garrafas.

  • Ver a posibilidade técnica de habilitar duchas de emerxencia no Pavillón Municipal.

  • Horarios de regulación coñecidos con antelación, en vez de cortes repentinos.

  • Avaliar a posibilidade de subministro para panaderías, hostelería, lavanderías e outros servizos como o albergue de peregrinos.

Medidas de fondo, para que isto non se repita un terceiro ano:

  • Aproveitar para limpar agora os depósitos e alxibes municipais, que está baixo mínimos e mellorar a súa capacidade real. Tamén limpar a captación do Belelle e revisar todo o Canal da Mariña, retirando os sedimentos acumulados.

  • Desconto automático e proporcional na factura polos días sen servizo (VEOLIA incrementou o seu beneficio un 11% en 2025, superando os 2.845 millóns de euros).

  • Ventanilla no concello para reclamar danos e prexuízos a veciños e negocios afectados.

  • Remunicipalización do servizo, seguindo exemplos en Galicia: Teo aforrou 250.000€ no primeiro ano tras remunicipalizar; Arteixo, gobernado polo PP, captou máis dun millón de euros en fondos europeos para modernizar a rede. Non é cuestión ideolóxica: é xestión.

  • Constitución xa da Comisión de Seguimento e Control do servizo e do Fondo de Renovación, que o propio contrato da auga obriga a crear.

Levamos sufrindo dous anos seguidos un sistema que colapsa porque o goberno non fai absolutamente nada. Non pode ser que "a culpa é de outro" sexa a excusa permanente. Un concello non se pode gobernar ao día. MOVENEDA esixe explicacións e respostas, planificación e traballo.

MOVENEDA — Movemento Veciñal de Neda


Podes descarga o documento en PDF facendo click eiquí



Etiquetas:

moveneda, ecoloxía e medio ambente, xunta de galicia, goberno de Neda, servizos municipais


outras publicacións relacionadas

Moveneda

Movemento Veciñal de Neda - Moveneda
Moveneda é unha iniciativa política municipalista, popular, de base, de veciños comúns, aberta, participativa e asamblearia. O noso obxetivo e informar, concienciar e fomenta-la participación política de todos os veciños nas decisións do concello. Somos veciños comúns de Neda que presentamos unha alternativa “a medida para Neda”, cunha mirada realista e comprometida, pensada para afrontar e solucionar os problemas e para potenciar as vantaxes do municipio. Pensamos que en un concello como Neda pode funcionar millor un modelo onde prime a colaboración do Goberno do Concello, as Asociacions de Veciños e os propios veciños. Esta é a millor garantía dun proxecto autónomo, colectivo, á medida de Neda e as necesidades que temos como veciños.

Contacto

Termos de uso, privacidade e cookies
Este sitio web pode utilizar cookies propias e de terceiros para prestar os seus servizos ou para analizar o seu tráfico. A túa dirección IP e outros datos se manexan poden ser gardadas temporalmente, xunto coas métricas de rendimento e de seguridade, para garantir a calidade do servizo, xerar estadísticas de uso e detectar e solucionar abusos. Ao usar esta páxina web, vostede acepta as Condicións de Uso, o Aviso legal de uso e a Política de Privacidade e cookies tal e como se describen neses documentos.