
Recibimos de novo as queixas de veciños e veciñas polo desinterese do goberno do concello ante os problemas provocados polas actividades de extracción de madeira.
En concreto, as zonas afectadas son o Carballal e Riocobo, onde estes días se están a facer cortas de madeira. Os veciños acudiron ó concello para pedir que se extremase a vixiancia destes traballos, xa que os camiños están desfeitos e a lama enche as estradas, poñendo en perigo as circulación.
Por desgraza a única resposta que tiveron do goberno concello foi o desinterese. Incluso chegaron a encargar aos propios veciños que recolleran documentación gráfica do sucedido.
Esta é unha grave deixadez das funcións municipais que descarga na poboación tarefas propias dos servizos municipais que pagamos cos nosos impostos.
Este é un problema recorrente que MOVENEDA xa ten denunciado en múltiples ocasións. Novamente o concello mira para outro lado ante as demandas da veciñanza, mentres favorece os intereses das empresas fronte á defensa da seguridade e dereitos dos veciños e veciñas.
É o concello o que ten que vixiar o estado dos camiños e estradas afectadas xa que, no caso de que sofran danos, está na súa man reclamar ás empresas que están traballando, que devolvan todo ao seu estado orixinal. O concello non pode delegar esta función nos veciños e veciñas.
Teremos que confiar na sorte, porque se esperamos algo deste goberno, estamos perdidos.
Dende MOVENEDA esiximos ao Goberno do Concello de Neda que cumpla coas obrigas do cargo, que aplique a normativa e revise o cumprimento estrito das normas municipais.
ecoloxía e medio ambente, concello de Neda, servizos municipais
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |