Neda acaba de constituír, por fin, o Consello Municipal de Memoria Democrática. É unha moi boa noticia e debe celebrarse como un fito acadado despois dun longo proceso de anos. Pero témolo que dicir tan claro como o claro: constituír este órgano non é o final do camiño. É, como moito, o primeiro paso dun camiño que aínda queda por andar.
Que este consello exista hoxe é o resultado de moita presión veciñal sostida no tempo, necesaria para que o goberno local aceptase cumprir cunha normativa que xa era de obrigado cumprimento: as leis de memoria democrática.
Os veciños de Neda non debemos esquecer como foi este proceso, onde goberno local chegou a intentar utilizar a creación do propio Consello Municipal de Memoria Democrática como moeda de cambio, para tratar de evitar cumprir con outra obriga legal ineludible, a retirada da "Cruz dos Caídos". É dicir, utilizouse un dereito da veciñanza —ter un órgano de memoria democrática— como ferramenta de negociación para tentar incumprir outra lei.
Para quen non estea familiarizado con estas cuestións: o Consello Municipal de Memoria Democrática é o órgano encargado de que un concello cumpra coa lexislación de memoria democrática e para que a veciñanza e as organizacións sociais poidan propor actuacións de recuperación da memoria histórica local.
Desde MOVENEDA queremos ser moi claros. Non nos conformamos con que se constituíse este consello para alguén teña un titular de prensa. Non imos permitir que, unha vez pasada a noticia, o órgano se meta nun caixón e non volva a facer nada.
De feito, xa na propia reunión de constitución quedaron marcados os primeiros deberes concretos para o goberno municipal: ten que traer ao vindeira reunión do Consello unha lista completa de todas as mencións honoríficas e nomeamentos de fillos predilectos concedidos polo concello, para que o consello poida revisar se se axustan ou non á lexislación de memoria democrática. Isto non é unha suxestión: é un traballo pendente e con prazo, e imos estar vixiantes de que se cumpra.
Ao mesmo tempo, témonos constancia de que hai veciños e outras organizacións que tamén teñen propostas propias para levar a este órgano. Esas propostas non poden ser silenciadas por conveniencia política, electoral, criterios persoais e moito menos ideolóxicos ou partidistas: O Consello de Memoria Democrática é un órgano de todos os veciños de Neda, non unha ferramenta ao servizo do goberno de turno.
MOVENEDA vai seguir de preto o funcionamento deste consello. Imos esixir que se cumpran os deberes marcados, que se escoiten as propostas veciñais e das organizacións sociais, e que este órgano traballe con normalidade e continuidade, non como un trámite illado para saír na prensa. A memoria democrática de Neda merece iso, e moito máis.
memoria histórica, loita obreita, ferrolterra, cultura, concello de Neda
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |