As denuncias do sindicato CIG sobre os retrasos reiterados no pago das nóminas ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Neda, Fene e Cariño confirman o que levamos meses advertindo publicamente: o modelo privatizado do SAF é un fracaso absoluto tanto para as traballadoras como para as persoas usuarias do servizo.
MOVENEDA leva xa moito tempo denunciando a situación de precariedade laboral, explotación, retrasos nos pagos e deterioro progresivo do servizo. Mentres tanto, o goberno municipal de Neda continúa chapoteando na incompetencia, facendo como que non se entera e transmitindo unha falsa imaxe de normalidade, coma se todo estivese perfectamente.
A realidade é ben distinta: as traballadoras do SAF sofren salarios miserables, inestabilidade laboral e retrasos continuos no cobro das nóminas, mentres as persoas dependentes e as súas familias padecen as consecuencias dun servizo cada vez máis deteriorado. O máis grave é que o Goberno de Neda coñece perfectamente esta situación e, lonxe de actuar con firmeza, mantén nunha actitude pasiva e irresponsable.
Ademais, queremos sinalar a absoluta incongruencia e hipocresía política do PSOE nesta cuestión. Mentres en Fene, onde non gobernan, esixen actuacións inmediatas, control rigoroso e responsabilidades políticas polos problemas do SAF, en Neda —onde son o goberno municipal con maioría absoluta— instálanse na pasividade, na propaganda e na incompetencia. Resulta inaceptable que o mesmo partido que reclama solucións e supervisión noutros concellos aquí faga como que non ve os atrasos nos pagos, a precariedade laboral e o deterioro dun servizo esencial. Esta dobre vara de medir evidencia que o goberno municipal de Neda leva demasiado tempo máis preocupado por protexer a súa imaxe que por defender ás traballadoras e os veciños usuarios do SAF.
Desde MOVENEDA denunciamos que o actual modelo privatizado só serve para garantir beneficios empresariais a costa da explotación laboral das traballadoras e da perda de calidade dun servizo público esencial. O SAF non pode seguir sendo un negocio financiado con cartos públicos mentres se precariza ás coidadoras e se abandona ás persoas máis vulnerables.
REMUNICIPALIZACION XA!
Reiteramos a nosa aposta firme pola REMUNICIPALIZACIÓN do Servizo de Axuda no Fogar, recuperando a xestión directa pública do servizo por parte do Concello de Neda.
MOVENEDA defende un SAF 100 % público, transparente e baixo control municipal directo, onde o diñeiro público se destine integramente a mellorar a atención ás persoas dependentes e garantir condicións laborais dignas ás traballadoras, e non a engordar os beneficios de empresas privadas concesionarias.
A experiencia doutros concellos demostra que a remunicipalización é perfectamente viable e permite mellorar a calidade do servizo, garantir maior estabilidade laboral e utilizar os recursos públicos de maneira moito máis eficiente.
Desde MOVENEDA esiximos ao goberno municipal de Neda que deixe de mirar cara outro lado, abandone a propaganda e actúe dunha vez con responsabilidade política e institucional. A veciñanza, as traballadoras e as persoas usuarias do SAF merecen un servizo digno, público e de calidade.
O SAF non é un negocio. É un dereito.
moveneda, loita obreita, xunta de galicia, comunicados de prensa, servizos municipais
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |