Case 1.000 bombeiros forestais da Xunta de Galicia quedaron sen emprego desde este luns 17 de novembro ao rematar os seus contratos fixos-descontinuos, unha situación que o colectivo cualifica de “insostible, inxusta e perigosa” para o país.
Os traballadores esixen estabilidade laboral durante todo o ano e un servizo público de extinción plenamente profesionalizado, que non dependa de campañas temporais nin da precariedade estrutural que arrastra o dispositivo galego.
Segundo denuncian, a decisión da Xunta do Partido Popular de prescindir do persoal durante o inverno evidencia unha nefasta política de prevención, pois é precisamente nesta época cando deberían executarse as tarefas fundamentais de limpeza, restauración ambiental, xestión da biomasa e ordenación forestal. “Non se pode falar de prevención mentres se deixa na casa ao persoal máis formado e con experiencia”, lamentan.
Incendios cada vez máis extensos e perigososOs bombeiros lembran que os incendios de “sexta xeración”, cada vez máis extensos e perigosos, obrigan a ter un operativo estable, coordinado e forte durante todo o ano. Porén, critican que a Consellería do Medio Rural manteña un modelo fragmentado, precarizado e incapaz de responder aos retos actuais, ao tempo que se nega a abrir unha mesa de negociación real co colectivo.
Os sindicatos salientan que a Xunta leva anos estancando o investimento en ordenación forestal, mentres destina a maior parte dos recursos á extinción dos lumes cando xa están desatados. Esta estratexia “curtopracista” non só incrementa o risco cada verán, senón que tamén pon en perigo a seguridade dos profesionais, que traballan con medios limitados e contratos inestables.
Por todo isto, o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) convoca novas mobilizacións para esixir un operativo 100 % público, digno e permanente, que garanta tanto os seus dereitos como a protección efectiva do territorio.
“Se a Xunta quere un país máis seguro, debe empezar por garantir traballo todo o ano e unha prevención real”, conclúen os bombeiros.
ecoloxía e medio ambente, galicia, xunta de galicia
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |