A Fiscalía de Castela e León abriu dilixencias de investigación penal contra o presidente da Junta de Castilla-Leon, Alfonso Fernández Mañueco, e o conselleiro de Medio Ambiente, pola xestión dos incendios forestais que arrasaron amplas zonas do Bierzo e outras comarcas leonesas en agosto de 2025.
A decisión do Ministerio Público responde á denuncia presentada pola asociación Bierzo Aire Limpo, que atribúe aos responsables autonómicos posibles delitos de prevaricación por omisión, contra o medio ambiente e omisión do deber de socorro, entre outros.
Non se adoptaron medidas preventivas axeitadasSegundo a denuncia, os incendios provocaron a morte de tres persoas, ademais da destrución de miles de hectáreas de monte, incluídos espazos protexidos da Rede Natura 2000, e a emisión de grandes cantidades de fume tóxico que afectaron á poboación.
Bierzo Aire Limpo sostén que a Junta de Castilla-Leon non adoptou medidas preventivas axeitadas, a pesar de dispor de información técnica sobre o risco extremo de incendios, nun contexto de altas temperaturas e seca.
A asociación denuncia que en agosto só se executara o 48 % do orzamento destinado á prevención, o que, ao seu xuízo, demostra unha “falta de previsión e unha inxustiza manifesta”, ao esixir aos propietarios particulares o mantemento das súas fincas sen aplicar as mesmas medidas no monte público.
Así mesmo, a entidade critica a falta de coordinación cos concellos e cos servizos estatais de emerxencia, o que, segundo apunta, dificultou unha resposta rápida e eficaz durante os momentos críticos.
Ao seren aforados, o presidente e o conselleiro deberán responder ante o Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León (TSXCyL), con sede en Burgos, que valorará as dilixencias e decidirá se procede iniciar actuacións xudiciais.
Bierzo Aire Limpo considera a apertura da investigación “un primeiro paso imprescindíbel para depurar responsabilidades políticas e penais” e lamenta que, paralelamente, as Cortes de Castela e León rexeitasen a creación dunha comisión parlamentaria para analizar a xestión dos incendios, que afectaron a máis de 150.000 hectáreas e provocaron catro falecementos e miles de evacuados.
A organización advirte ademais dos efectos ambientais posteriores, como desprendementos de terra e arrastre de cinzas cara a ríos e encoros, e reclama á Junta de Castilla-Leon información sobre as medidas adoptadas para evitar a contaminación da auga e a xestión dos lodos extraídos dos cauces.
“A sociedade berciana non esquecerá nin as perdas humanas nin a destrución do seu territorio”, afirma Bierzo Aire Limpo, que anuncia novas accións legais “para que nunca máis a inacción institucional sexa cómplice do lume”.
![]() |
Movemento Veciñal de Neda - Moveneda Contacto
Termos de uso, privacidade e cookies |