Qué é MoveNeda?

MoveNeda é unha iniciativa política popular, aberta, participativa e asamblearia.

Cal é o obxetivo?

Informar, concienciar e fomenta-la participación política de todos os veciños nas decisións do concello

Cómo funciona?

MoveNeda baséase nun funcionamento democrático e asembleario, onde a opinión e decisión de cada veciño conta.

Cómo participar?

Acode ás asembleas abertas. Consulta eiqui as convocatorias ou contacta cos teus concelleiros de MoveNeda.

Nota de prensa conxunta de Moveneda e Somos Cabanas: pedimos un esforzo a poboación para reducir a presión nas UCI's

Un ano despois de que a OMS declarase a COVID-19 unha emerxencia de saúde pública de importancia internacional, increméntanse as chamadas reiteradas á responsabilidade do persoal sanitario. Facéndose eco destes berros no deserto, #Moveneda e Somos Cabanas, a través dos seus voceiros Juan Carlos Pita e Xosé Manuel Sardiña, súmanse ao chamado cívico a reducir os desprazamentos, saír só para o esencial ou para realizar actividade física en espazos abertos e a cumprir as medidas de prevención como levar máscara, manter distancia, lavar as mans e non compartir espazos non ventilados con non conviventes.

Juan Carlos Pita e Xosé Manuel Sardiña, concelleiros en Neda e Cabanas, envíanlles unha mensaxe de apoio e solidariedade ás sanitarias que loitan diariamente nas unidades #COVID e que están a denunciar a falta de camas libres no #CHUF para atender doentes de COVID que ou se  intuban no momento ou morren. Son conscientes, así mesmo, dos momentos moi duros para as persoas afectadas e para as súas familias e achegados e por iso ven máis necesario evitar máis contaxios innecesarios.

 

Os edís prevén dúas semanas moi duras ata que remita o pico de hospitalizacións polo efecto nadal do COVID, xa que os gobernos estatal de #PedroSánchez e autonómico de #Feijoo relaxaron as medidas no pasado nadal sen ter en conta a incidencia acumulada superior aos 50 casos por 100.000 habitantes, cualificada como transmisión comunitaria pola Organización Mundial da Saúde e pola Unión Europea. Como consecuencia desta relaxación normativa nun contexto desfavorable de incremento de casos, os contaxios en case todos os concellos da comarca de #Ferrol superan nestas semanas a situación moi perigosa de máis de 500 casos por 100.000 habitantes. A superación desta cifra, acordada entre o Estado e as Comunidades Autónomas, ten como consecuencia directa o colapso das unidades de atención sanitaria, que se demostran incapaces de asumir o tsunami da transmisión descontrolada do coronavirus.

Dada esta situación moi perigosa, o goberno de Feijoo demostra unha vez máis que non quere reverter os recortes que lles infrinxiu aos servizos públicos como a educación, a sanidade e a asistencia social. Así, os servizos públicos esenciais, máis necesarios que nunca, vense desbordados para facer fronte a esta terceira onda pandemia, máis virulenta ca a de marzo de 2020 na nosa comarca, sen medios e persoal suficientes. Os dous concelleiros consideran que esta situación de falta de medios demóstrase na ausencia de cribados sanitarios en numerosos concellos da comarca, esquencida no seu conxunto unha vez máis. Reclaman nesta liña que se conte cos medios da Atención Primaria e con test rápidos para superar a situación de bloqueo nos concellos que levan semanas sen atención. Tamén, consideran necesaria a formación e contratación de máis persoal e a apertura de novas plantas de atención específicas nos centros hospitalarios.

Así mesmo, Moveneda e #SomosCabanas queren parabenizar aos centros educativos e ás escolas infantís polo exemplo de prevención que realizan diariamente. Este esforzo cívico de profesorado, alumnado e proxenitores preséntase como un grande exemplo ao conxunto da sociedade e especialmente aos dirixentes políticos que favoreceron este terceiro andazo.
Mentres os gobernos locais, autonómico e central seguen a enredarse en discusións inútiles e en competicións electorais estériles, só a actuación cidadá consciente pode salvar vidas e evitar o colapso sanitario que se acaba de producir en Portugal.

Está eiquí: Home Servizos sociais, sanidade, solidariedade e dependencia Nota de prensa conxunta de Moveneda e Somos Cabanas: pedimos un esforzo a poboación para reducir a presión nas UCI's