Presentación da campaña #NedaEnNegro contra as violencias machistas
- Detalles
- Publicado o 09 Noviembre 2017
- Visto: 102
Como xa fixemos o ano pasado, chamamos a toda a veciñanza a unirse e participar nos actos e reivindicacions da campaña En negro contra as violencias que se van celebrar durante os vindeiros 15 días ate o 25 de novembro. Coma novidade salientable, cabe destacar que este ano o Concello de Neda tamén se une institucionalmente a esta campaña.
Se desexades participar, estade atentos porque iremos publicando as datas e horas dos diferentes actos a celebrar durante estes quince dias.
Por que #EnNegroContraAsViolencias ?
Esta campaña ten obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. Naceu no 2015, cando o Concello de Santiago de Compostela puxo a andar a campaña de sensibilización #CompostelaEnNegro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma.
A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.
Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, no 2016, dezaseis concellos e moitas entidades e plataformas máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña de sensibilización #EnNegro, contra as violencias, formaron parte da acción: Concello de a Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas.
Este ano xa somos máis de sesenta os concellos e infinidade de negocios, entidades e particulares que van situar na axenda política, con contundencia e para sempre, a loita contra as violencias machistas.
Á marxe da repercusión e impacto que poida ter esta campaña, consideramos xa de antemán como un gran éxito compartido o feito de que, por primeira vez, concellos e entidades tan diversas, de diferentes cores políticas, esteamos a traballar en rede contra as violencias machistas e a prol da igualdade das mulleres. Todas e todos en negro, contra a violencia.
Poido participar individualmente?
Si, calquera pode participar na acción. Podes participar de diferentes formas: como portavoz; cubrindo de negro o teu lugar de traballo ou vivenda cara o exterior, con bandeiras ou calquera prenda de roupa negra; subindo ás redes sociais fotografías de accións que vexas pola rúa poñendo o cancelo #GaliciaEnNegro.