Manifesto político de MoveNeda - 2015
- Detalles
- Categoría: Manifestos e idearios
- Publicado o 20 Junio 2015
- Visto: 1893
A crise que afecta a Europa e o Estado español trouxo repercusións que nos tocan a todos. A oligarquía aproveitou a excusa da crise económica pra atacar salvaxemente ás clases traballadoras, que vemos como nos recurtan os salarios, a sanidade, a educación, as pensións e os servizos. Mesmo vemos como coa súa Lei Mordaza nos rouban dereitos constitucionais.
Vencellada á económica, acontece unha crise política. As institucións do Réxime de 1978 están deslexitimadas. A quebra ética e política extendeu un tumor por todo o sistema. A corrupción é xeral, o Rei e seus familiares, institucións, partidos e mesmo ós sindicatos. O sistema esta infectado por unha casta política corrupta e adicada ao roubo masivo dos bens públicos.
A podremia non é casual nin puntual. O Réxime foi unha estafa xa dende un principio. Os franquistas reconvertéronse en demócratas da noite á maña. Os que xa levaban 40 anos mangoneando mudaron nunha nova casta prepotente, privilexiada, que se sinte impune roubando e que fai o que sexa pra se manter no poder. É unha democracia de baixa intensidade que traizoa un principio básico: a participación do pobo nas decisións políticas, porque, aínda que nos dan a sensación de decidir cada catro anos, está claro que nos, xente común, non temos ferramentas políticas efectivas pra dar resposta ás nosas necesidades.
A crise trouxo tamén esperanza. A mesma que encheu prazas o 15 de Maio de 2011 e das que xurdiron alternativas de participación: As mareas cidadáns na defensa da educación e a sanidade pública, as Marchas da Dignidade, as plataformas das preferentes, dos desafiuzamentos ou dos enfermos de hepatite. Ningunha ten explicación sen os ventos democráticos que trouxo o 15M.
Asemesmo, as derrotas políticas do Partido Popular no ultimo ano deben facernos pensar que pra virar a situación é necesaria unha nova maioría popular, concienciada, organizada, mobilizada e combativa. Nos, os cidadáns comúns, debemos organizarnos e formar unha unha potencia democrática e participativa, unha intelixencia colectiva que supere este sistema bipartidista apodrecido, porque a pasividade e a indiferenza non serven. Son parasitismo e contribúen á corrupción e á crise.
Por todo isto, MOVENEDA plantéxase coma unha iniciativa popular, aberta, participativa e asamblearia. A primeira tarefa é concienciar e fomenta-la actividade política de todos os veciños. Entre todos debemos debater ideas e elaborar propostas. Chegado o momento, tamén deberemos plantexarnos escoller xente capacitada e comprometida pra levar estas propostas adiante. Pra ilo, o obxetivo debe ser gaña-la alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. É o momento de toma-lo control das institucións, de poñelas ó servizo da maioría social e o ben común. Nos, o pobo traballador, debemos se-lo motor da acción política e recupera-lo protagonismo en novos gobernos que deben estar suxeitos á participación permanente e consciente de todos nas decisións políticas.
Só nós mesmos podemos garanti-lo cumprimento escrupuloso da nosa vontade democrática. Chegou a hora de demostrar que é posible construír un concello digno, acolledor, solidario e baseado no benestar das persoas, chegou o momento de gañar Neda pra os veciños.
Neda, Nadal de 2015